Archivo de la categoría: Lanzamentos

LANZAMENTO VIRTUAL DA MARUMASAT V

Dada a situación  do confinamento provocado pola COVID-19, non foi posible levar a cabo o lanzamento da MarumaSat V. Pero os integrantes de Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) decidiron realizar un lanzamento virtual, xa que o real non era posible.

Neste lanzamento virtual, participa todo a alumnado dos centros da NOSA, é a MISIÓN OXALÁ.

Aquí temos o resultado:

Lanzamento MarumaSat IV

A NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega) ratifica experimentalmente a teoría da relatividade especial de Einstein 119 anos despois de ser formulada.

Ás 12 da mañá do pasado martes 28 de maio, a Axencia Espacial Escolar Galega, NOSA, lanzou á estratosfera a súa cuarta sonda MarumaSat, acrónimo que lembra o centro que serviu de cosmódromo para a solta desde 2016, o IES Maruxa Mallo de Ordes. Ao acto asistiu a totalidade do alumnado deste centro así como unha nutrida representación das comunidades educativas dos outros cinco que conforman NOSA: IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), IES Miraflores (Oleiros), CPI O Cruce (Cerceda), IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago) e IES Ferrol Vello (Ferrol). Tamén se achegaron ao acto o delegado territorial de Educación da Coruña, Indalecio Cabana, a coordinadora provincial dos equipos de Normalización Lingüística, Pura Galán, asesores dos Departamento de Formación, Innovación e Internacionalización do CAFI, como Jesús García Rañales, a concelleira de Educación en funcións de Ordes, Susana García, e profesionais de diversos medios de comunicación para dar conta do evento.

Desde o dron

O máis destacado suceso do día resultou ser a colisión que se produciu no ascenso por mor dun inesperado refacho horizontal de vento que fixo que se perdese parte da carga, a saber, a malla coas dúas subcápsulas presurizadas de habitabilidade –o que frustrou este experimento– e a radiosonda Vaisala, polo que o dispositivo de recepción de datos en terra a tempo real tivo que suspenderse; ademais complicaría o labor de recuperación da cápsula, pois era este o principal dispositivo de rastrexo para o equipo de radioafeccionados das Pontes de García Rodríguez que nos acompañan desinteresadamente desde 2017, ano en que foron os que localizaron a MarumaSat II.

Así as cousas, foi necesario recalcular a simulación de voo tendo en conta o novo peso da cápsula, aínda que cun pequeno desfase horario por mor de térense introducido os datos a posteriori. O punto de caída marcado situaba esta ao Sueste do santuario dos Milagres, próximo á localidade ourensá de Maceda. Como a hora prevista de aterraxe era as 14:30, o convoi de localización, composto por vehículos de cinco dos centros públicos integrados en NOSA, partiu cara a aquelas terras. De camiño aló, o teléfono móbil instalado na parte superior da cápsula, co obxecto de filmar a explosión do globo de helio, emitiu unhas coordenadas situadas a carón do encoro de Edrada, pasado o Alto do Rodicio, xa na vertente dos Canóns do Sil.

Pouco máis tarde recibiriamos outro novo sinal do móbil cunhas coordenadas (42º16’14.0’’ N, 7º40’58.1’’ W) que nos fixeron regresar a Maceda e buscar pola parroquia do Souto, a uns 700 metros ao Oeste da Ermida de Don Franque. Os labores de peiteado da zona prolongáronse mentres non se esgotou a batería do teléfono que viaxaba na cápsula, durante todo o día, inutilmente e, mesmo, ao longo da tarde do mércores 29 coa axuda dos drons de Protección Civil de Maceda e co dos radioafeccionados. Tiñamos a esperanza de que o paracaídas vermello ficara visible sobre as copas das árbores para axudarnos a atopar o punto de aterraxe, mais non foi así.

Aínda nos quedaba un recurso máis: o emisor de cetraría da familia ordense Regos, que xa viaxaba por segunda vez á estratosfera e que posibilitara en 2018 a localización, daquela, da MarumaSat III.  Ás 8 da mañá do sábado 1 de xuño o alumno de 4º da ESO de Ordes Rafa Regos partiu coa súa irmá, nai e seu pai cara aos puntos máis altos de Baños de Molgas para tratar de captar o sinal do emisor. En efecto, houbo resposta na dirección de Maceda, polo que se dirixiron cara ao castelo daqueloutra localidade. Novamente atoparon sinal, mais non na dirección da Ermida de Don Franque, senón cara a Calvelo. Desde alí o sinal mandábaos de volta cara ao Outeiro da Torre, polo que o rastrexo debía ir pisando metro a metro o terreo. Este traballo sistemático levouno cen metros ao Sur do Miradoiro da Mámoa de Calvelos (42.278188, -7.666513) onde aparecería a MarumaSat IV, momento inmortalizado nun vídeo, gravado polo propio rastrexador.

Durante aqueles días non chovera, de modo que os elementos electrónicos da cápsula continuaban en perfecto estado, ademais non foran manipulados por ninguén. Atopouse a uns 1700 metros de Don Franque, mais os drons non terían sido capaces de determinar o lugar de aterraxe, pois a MarumaSat estaba no chan, nunha zona de árbores mestas e o paracaídas tamén penetrara entre as pólas, de modo que non era visible desde a altura.

A análise do tempo de gravación das cámaras, tanto a lateral como a superior para as tomas de contrapicado, puido máis adiante determinar, coa axuda do simulador de voo, a altura á que ascendeu a MarumaSat IV, moi próxima ao obxectivo fixado e que bateu os límites de NOSA: 35553 metros, case que 36 quilómetros.

Nese día radiante as imaxes conseguidas resultan espectaculares. Por primeira vez conseguimos un primeiro plano do globo que cuadriplica sobradamente o seu tamaño e que estoupa ante os nosos ollos dun modo nunca visto. Conséguense asemade unhas tomas de carácter máis panorámico sobre a costa atlántica galega, así como unha visión clara do Cantábrico tamén asturiano, aínda que non moito máis ao Leste por mor das nubes fixadas na costa á altura dos Picos de Europa. Asemade a vista meridional alén do Porto é pouco clara pola saturación da evaporación no aire daqueles cálidos días. Por outra banda, conseguiuse captar o ocaso lunar diurno e hai sospeitas, aínda non confirmadas, pois podería ser un reflexo, de imaxes de Venus a carón da nosa estrela. Tamén recuperamos os orixinais dos poemas vencedores do II Premio de Poesía Estratosférica para poder entregalos certificados e enmarcados ás autoras dos mesmos.

Os restantes experimentos que viaxaron na MarumaSat IV darán pé a diversos informes que se presentarán durante os primeiros meses de 2020 no marco do IV Congreso NOSA que organizará o IES Arcebispo Xelmírez II, mais xa podemos adiantar que o experimento que daba nome á “Misión Einstein: rastrexando raios cósmicos”, é dicir, o detector de muóns, funcionou á perfección, corroborando empiricamente a teoría da relatividade especial. A fracción de muóns que alcanza a terra é de 1/20, cando debería ser de aproximadamente en torno a 1/1000000. No canto de chegar un cada semana, á altura de Ordes están entrando uns 8 por minuto, o que non sería teoricamente posible dada a súa velocidade e o tempo de vida, desde o punto de colisión contra a atmosfera, dos raios cósmicos. Esta proporción só é posible porque cando un corpo viaxa a velocidades próximas á da luz, o tempo pásalle máis lento, de modo que no mesmo podemos viaxar unha   distancia considerablemente maior.

Lanzamento Definitivo

 

O timbre soou como cada mañá dende que comezou o curso, pero daquela vez non sería nada semellante ao vivido ata agora: ese venres 13 de maio cumpririamos o noso obxectivo que nos días anteriores fixera difícil conciliar o sono.

A mañá comezou no taller cunha reunión de todas e todos os membros do proxecto, acompañados de Xosé e Raquel, para comprobar se todos os pasos que deberían levarse a cabo contaban cun responsable para a súa realización. A comisión de deseño e construción e científica ultimou os detalles relativos á cápsula; a meteorolóxica comprobou a predición dos ventos e simulou a traxectoria do voo. A de comunicación, chamou aos medios de prensa para confirmar a súa asistencia ao lanzamento: Antena 3, TVE, La Voz de Galicia e medios locais achegáronse ao centro para gravar o lanzamento e para entrevistar aos participantes no proxecto.

Poucos minutos antes das once da mañá, os nervios comezaban a invadir os nosos corpos xa que o momento máis esperado estaba a punto de chegar. Estaba todo preparado para o lanzamento cando de súpeto un avión sobrevoou o instituto. «E agora que?», preguntabámonos. A solución, entre o abraio de moitos de nós, foi chamar á torre de control do aeroporto de Santiago, que deron finalmente o visto bo. Logo dunha conta atrás de poucos segundos, vimos como a MarumaSat se afastaba ao mesmo tempo que se ía facendo máis pequena.

A picada dunha roda xusto cando estabamos a punto de arrancar, atrasou  a saída dos membros do equipo encargados de recuperar a sonda nas coordenadas da aterraxe que nos proporcionou MeteoGalicia.

Fotografía obtenida de La Opinión A Coruña.