O investigador da Universidade de Santiago de Compostela (A Coruña) e un dos responsables do proxecto “TodoCosmos”, Pedro Pablo Campos, visitou o IES Maruxa Mallo na mañá do 16 de decembro de 2015 para ofrecer unha conferencia sobre astronomía ao alumnado de 3º da ESO involucrado no proxecto “MarumaSat: Cos pés no chan e os ollos nas estrelas”.
Na charla abordou a evolución da visión do Universo dende a Antigüidade, trasladando ao alumnado alí presente á diversas épocas históricas, dende a Antiga Grecia, na que descubrimos os modelos xeocéntrico e heliocéntrico ata o momento en que se pisou a Lúa por primeira vez. Tamén mencionou persoeiros moi importantes relacionados coa ciencia e as matemáticas como Newton ou Kepler, que formularon diversas teorías ao longo do tempo que nos posibilitaron entender mellor como é o Universo. Pedro Pablo Campos falou de fórmulas, modelos e figuras que nos fixeron pór en marcha a nosa mente e pensar en aspectos tan curiosos como o movemento dos corpos no Universo.
Ao rematar a conferencia do investigador que está traballando cunha tese sobre «planetas extrasolares», o equipo de comunicación deste proxecto fíxolle unha pequena entrevista na que Pedro Pablo contou como lle colleu agarimo á astronomía dicindo que foi «dende ben pequeno ata a época universitaria» e recomendou ás persoas que desexen orientar a súa educación no ámbito da astronomía, que é importante ter ben en conta o que che gusta, xa que o ámbito é «moi amplo e son moitas as especialidades ás que aspirar».
Finalmente, tras agradecerlle a súa presenza no instituto, recomendou aos responsables do ambicioso «MarumaSat» que tivesen «moito ánimo e paciencia de cara á realización deste proxecto» e compartiu algunha que outra curiosidade connosco e cos dous membros do profesorado implicados nesta carreira espacial: Raquel, profesora de Tecnoloxía e Xosé, de Matemáticas.
Para máis información acerca do proxecto desenvolvido por Pedro Pablo Campos na USC, visite http://www.usc.es/es/proxectos/todocosmos/index.html