Reunión no Concello de Ordes
Na mañá do luns 18 de xaneiro de 2016, seis representantes do alumnado de terceiro da ESO do IES Maruxa Mallo pertencentes ás diversas comisións que estaban a traballar no proxecto MarumaSat visitaron o Concello de Ordes para solicitar axuda económica e colaboración na difusión do proxecto.
Estas seis alumnas e alumnos, acompañados polo profesor de matemáticas Xosé Díaz, reuníronse coa Concelleira Delegada de Educación, Servizos Sociais e Traballo, Susana García Gómez e co xornalista encargado das redes sociais e outros ámbitos comunicativos dentro da administración ordense.
Tras explicarlle o noso proxecto, a concelleira e o xornalista mostráronse entusiasmados e receptivos coa iniciativa e ofrecéronnos a súa axuda, principalmente para colaborar na difusión da iniciativa, contactando cos medios de comunicación e posibilitando a nosa participación na feira multisectorial ExpoOrdes que tería lugar a finais de abril, cedéndonos un pavillón.
Ademais, o Concello sufragaría os gastos de reprografía ou impresión dos materiais necesarios para obter unha maior repercusión publicitando a actividade impulsada dende o instituto.
Finalmente, hai que agradecer a boa acollida que nos dispensaron e o interese da concelleira e do xornalista na iniciativa.