Rodaxe de «Aquelando» programa da TVG

O pasado 19 de novembro parte do alumnado da materia de Tecnoloxía de 3º e 4º da ESO participou na gravación do programa de divulgación científica Aquelando, que a TVG emitirá nos próximos meses. Neste capítulo, adicado ao espazo asesoramos a Manuel Vicente, director e presentador do programa, sobre o proceso de fabricación e lanzamento dunha cápsula estratosférica: materiais, illamento térmico, colocación das cámaras, dos equipos de medida, da radiosonda, etc…

Para todo isto tivemos que facer varios grupos e a rodaxe foi moi sinxela, xa que se portaron xenial con nós e nos axudaron nas partes que tiñamos que intervir falando ou amosando como se fan as cousas, e así conseguiron que nos sentisemos como nunha clase normal. Foi moi divertido.

Na imaxe podedes ver a un grupo de alumnos no momento da gravación.

(Información elaborada por Sandra Duarte, Inés Leiva, Lucía Rodríguez, Lucía Barcia, Paula Ruoti e Ana Fernández de 3º da ESO do IES Miraflores)

Todo empezou no IES Marco do Camballón, chegamos o 16 de xaneiro pola mañá e collemos rumbo cara ao Monte Pedroso (Santiago).
Dous rapaces viaxaron no coche co noso profesor de astronomía, Xosé, e nós fomos coa profesora de bioloxía, Verónica.
Unha vez chegamos a Santiago e nos reunimos cun profesor e tres alumnos do IES Maruxa Mallo, dispuxémonos a preparar todo o necesario para o lanzamento: inflamos o globo con helio, atamos as cordas entre a cápsula, o paracaídas e o globo (que preparou Antón do Maruxa Mallo), etc. Foi nese momento, case cando todo estaba listo, cando o ceo se anubrou e comezou a chover. Estabamos suxeitando o globo, pero a choiva ía a máis e substituíronnos do equipo do programa Aquelando. Por sorte, nós puidemos refuxiarnos nos coches ata o momento do lanzamento, que era as 12:00 h.
Cando saímos colocámonos a carón do globo para o seu lanzamento e así gravalo. Unha vez se lanzou, puxémonos en camiño en busca dun lugar onde poder comer seguindo a traxectoria do globo. Comimos no CPI Ponte Carreira onde nos acolleron sen problema. Cando rematamos de comer seguimos a ruta ata chegar ao punto onde a cápsula caera, nunha aldea de Guitiriz, onde estaba prevista a súa aterrizaxe. Tocou terra nunha granxa, recuperámolo e fomos acabar de gravar o programa a un camiño que había preto da granxa. Alí abriron a cápsula e amosáronnos os datos recollidos.
Voltamos para a casa e chegamos arredor das 18:00 h.

(Información elaborada por Sonia Rey, Silia Santiso e Sara Villar  de 1º BAC  do IES Marco do Camballón )

Atentos á tele nos próximos meses!!!

Consulta a seguinte ligazón