O Proxecto

NOSA, Axencia Espacial Escolar Galega, é un proxecto educativo do que forman parte seis centros públicos: IES Maruxa Mallo (Ordes), IES Miraflores (Oleiros),  IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (Santiago de Compostela), CPI O Cruce (Cerceda) e IES Ferrol Vello. O proxecto, que leva funcionando dende o curso 2014/2015 , ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

MarumaSat: cos pés no chan e os ollos nas estrelas, xorde no curso 2014-15 como unha iniciativa vencellada en exclusiva ao IES Maruxa Mallo, pero é durante o curso seguinte, cando o alumnado de 3° ESO organizado en diferentes comisións de traballo (comunicación, audiovisual, meteorolóxica, económica, científica e deseño e construción) deseña a primeira cápsula estratosférica, a MarumaSat I, e programa o seu lanzamento para o 13 de maio de 2016. A sonda viaxou equipada con cámaras de vídeo, dispositivos GPS e radiosonda meteorolóxica para a recollida de datos atmosféricos. Un dos puntos fortes deste evento foi a emisión en directo, desde o propio vehículo, das imaxes dos primeiros quilómetros do ascenso e malia as malas condicións meteorolóxicas, a MarumaSat I subiu até os 25.000 metros e foi recuperada con éxito no concello da Estrada.

marumasat, nosa
Fotograma obtido a partir da retransmisión por Periscope

O curso 2016-17 supuxo un cambio moi importante na evolución do proxecto. Máis alá do lanzamento puntual dunha cápsula estratosférica, dous novos centros de ensino (IES Miraflores e IES Marco do Camballón) incorporáronse  ao traballo e da colaboración entre os tres naceu NOSA, que se deu a coñecer no I Congreso MarumaSat, e puxo en marcha unha dinámica conxunta de cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades e desde a óptica complementaria de materias como Lingua Galega, Tecnoloxía, Robótica, Matemáticas e Métodos Estatísticos e Numéricos. O alumnado dos tres centros repartiu as tarefas necesarias para culminar con éxito a solta dunha nova sonda, que supuxo un salto cualitativo na capacidade científica e tecnolóxica dos lanzamentos da NOSA. A MarumaSat II incorporou un bo número de dispositivos e experimentos novidosos que dotaron a misión dun enorme contido científico: cámara de vídeo, radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono, presión, humidade, temperatura e altitude e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade da nova cápsula. Foron tres estes experimentos: un frotis de células da mucosa bucal, xermolos de lentella e unha miñoca, que funcionaron á perfección, demostrando que o deseño do habitáculo era óptimo para preservar a vida nas difíciles condicións da estratosfera, a 33.612 metros.

marumasat , nosa
A Terra dende a Marumasat II

Os docentes que impulsan NOSA (de áreas tan distintas como Tecnoloxía, Matemáticas ou Lingua Galega e Literatura) comparten valores educativos, pedagóxicos e metodolóxicos: cómpre que o alumnado sexa consciente de que os coñecementos que está a aprender, ou os que xa incorporou, son útiles e permiten afrontar e resolver desafíos tan difíciles como viaxar ata os 35.000 metros de altitude. A estratosfera, o espazo próximo, representa unha potente metáfora dos camiños que poderán tomar da Axencia Espacial Escolar Galega tras completaren os seus estudos e iniciárense na vida adulta. Isto resúmeo moi ben o lema oficial do proxecto: “Cos pés no chan e os ollos nas estrelas”.

Fonte: La Voz de Galicia. 31·05·2017

NOSA