Archivo de la categoría: Audiovisual

A VIAXE DA MARUMASAT IV

Este é o vídeo do lanzamento da cápsula lanzada ó espazo o 28 de maio do 2019 pola NOSA Axencia Espacial Escolar Galega que voou ata os 35.553 metros de altura, aterrando, case 3 h despois do lanzamento, no Concello de Maceda (Ourense).

A cápsula viaxou con varias innovacións con respecto aos lanzamentos anteriores, entre elas un contador de muóns, sensores de ozono e radiación ultravioleta.

Trailer de MarumaSat IV

Este tráiler foi elaborado con pasión, alegría e, sobre todo, moito amor por tres alumnos do IES Miraflores: Yago Cabrera, o cal aportou a súa melodiosa voz, Jerónimo Pardo coas súas incribles dotes para a edición e Diego Valcarce, director digno de películas de Hollywood.

Rodaxe de «Aquelando» programa da TVG

O pasado 19 de novembro parte do alumnado da materia de Tecnoloxía de 3º e 4º da ESO participou na gravación do programa de divulgación científica Aquelando, que a TVG emitirá nos próximos meses. Neste capítulo, adicado ao espazo asesoramos a Manuel Vicente, director e presentador do programa, sobre o proceso de fabricación e lanzamento dunha cápsula estratosférica: materiais, illamento térmico, colocación das cámaras, dos equipos de medida, da radiosonda, etc…

Para todo isto tivemos que facer varios grupos e a rodaxe foi moi sinxela, xa que se portaron xenial con nós e nos axudaron nas partes que tiñamos que intervir falando ou amosando como se fan as cousas, e así conseguiron que nos sentisemos como nunha clase normal. Foi moi divertido.

Na imaxe podedes ver a un grupo de alumnos no momento da gravación.

(Información elaborada por Sandra Duarte, Inés Leiva, Lucía Rodríguez, Lucía Barcia, Paula Ruoti e Ana Fernández de 3º da ESO do IES Miraflores)

Todo empezou no IES Marco do Camballón, chegamos o 16 de xaneiro pola mañá e collemos rumbo cara ao Monte Pedroso (Santiago).
Dous rapaces viaxaron no coche co noso profesor de astronomía, Xosé, e nós fomos coa profesora de bioloxía, Verónica.
Unha vez chegamos a Santiago e nos reunimos cun profesor e tres alumnos do IES Maruxa Mallo, dispuxémonos a preparar todo o necesario para o lanzamento: inflamos o globo con helio, atamos as cordas entre a cápsula, o paracaídas e o globo (que preparou Antón do Maruxa Mallo), etc. Foi nese momento, case cando todo estaba listo, cando o ceo se anubrou e comezou a chover. Estabamos suxeitando o globo, pero a choiva ía a máis e substituíronnos do equipo do programa Aquelando. Por sorte, nós puidemos refuxiarnos nos coches ata o momento do lanzamento, que era as 12:00 h.
Cando saímos colocámonos a carón do globo para o seu lanzamento e así gravalo. Unha vez se lanzou, puxémonos en camiño en busca dun lugar onde poder comer seguindo a traxectoria do globo. Comimos no CPI Ponte Carreira onde nos acolleron sen problema. Cando rematamos de comer seguimos a ruta ata chegar ao punto onde a cápsula caera, nunha aldea de Guitiriz, onde estaba prevista a súa aterrizaxe. Tocou terra nunha granxa, recuperámolo e fomos acabar de gravar o programa a un camiño que había preto da granxa. Alí abriron a cápsula e amosáronnos os datos recollidos.
Voltamos para a casa e chegamos arredor das 18:00 h.

(Información elaborada por Sonia Rey, Silia Santiso e Sara Villar  de 1º BAC  do IES Marco do Camballón )

Atentos á tele nos próximos meses!!!

Consulta a seguinte ligazón

A viaxe da Marumasat III

Este é o vídeo do lanzamento da cápsula lanzada ó espazo o 7 de maio do 2018 pola NOSA Axencia Espacial Escolar Galega que voou ata os 33.223 metros de altura.

A cápsula viaxou con varias innovacións con respecto aos lanzamentos anteriores, entre elas unha incubadora para larvas de abella obreira, sensores de ozono e radiación ultravioleta ou unha mostra de fabas exposta á radiación solar.

Presentación do proxecto

O proxecto MarumaSat foi iniciado polo alumnado de terceiro da ESO do IES Maruxa Mallo durante o curso 2015-2016. O instituto atópase na localidade de Ordes na provincia da Coruña. Consistía no deseño e fabricación dunha sonda que viaxase á estratosfera. Que día foi o lanzamento da cápsula? Pois o 20 de maio do 2016, pero meses antes o alumnado de 3º da ESO preparou unha presentación coa que dar a coñecer o proxecto  entre a veciñanza e o tecido empresarial do Concello de Ordes, a quen solicitarían apoio económico para mercar os equipos necesarios a través dunha campaña de financiamento colectivo. Velaquí está:

Presentación proxecto MarumaSat.

Asemade, fixéronse exposicións sobre o proxecto nas aulas dos diferentes cursos do instituto para informar do proxecto ao conxunto da comunidade educativa.

Vídeo Lanzamento

Chega Xuño, o curso remata e non queremos despedirnos sen antes poñer á vosa disposición o vídeo que resume da mellor maneira a nosa aventura coa MarumaSat, unha aventura inesquecible e chea de bos recordos coa que damos o ata pronto de cara a novos proxectos. E se se repetira?…

A viaxe da MarumaSat II

Esta é a viaxe da MarumaSat II, a cápsula estratosférica que lanzamos o 30 de maio do 2017 en colaboración cos IES Maruxa Mallo de Ordes e Marco do Camballón de Vila de Cruces e acadou os 33.612m de altitude.

  Desde o punto máis alto do voo pódense ver as costas atlántica e cantábrica perfectamente recortadas contra o mar. Tamén é posible percibir o momento no que o globo estoupa e a cápsula inicia o regreso cara a terra. Durante esta viaxe pódense escoitar uns ruídos que se producen pola fricción do vento sobre a cápsula.

Vídeo promocional

DESCUBRE O NOSO VÍDEO PROMOCIONAL

O 23 de novembro do 2015 o alumnado do IES Maruxa Mallo presentou o vídeo  que promociona o proxecto “MarumaSat: Cos pés no chan e os ollos nas estrelas”, interpretado por Joel, alumno de 3º B da ESO, onde explica o obxectivo da misión. Para a súa gravación e edición empregouse a técnica audiovisual do croma.  Reprodúceo no enlace que se mostra deseguido!

 

Trailer da MarumaSat III

Este é o tráiler oficial da MarumaSat III, misión “niño no faro” , foi creado e editado por Xaime Cea Cea; no que se recollen os obxectivos desta misión; a gravación da Lúa, a creación de vida estratosférica, a incorporación de novos sensores e placas solares.