O timbre soou como cada mañá dende que comezou o curso, pero daquela vez non sería nada semellante ao vivido ata agora: ese venres 13 de maio cumpririamos o noso obxectivo que nos días anteriores fixera difícil conciliar o sono.
A mañá comezou no taller cunha reunión de todas e todos os membros do proxecto, acompañados de Xosé e Raquel, para comprobar se todos os pasos que deberían levarse a cabo contaban cun responsable para a súa realización. A comisión de deseño e construción e científica ultimou os detalles relativos á cápsula; a meteorolóxica comprobou a predición dos ventos e simulou a traxectoria do voo. A de comunicación, chamou aos medios de prensa para confirmar a súa asistencia ao lanzamento: Antena 3, TVE, La Voz de Galicia e medios locais achegáronse ao centro para gravar o lanzamento e para entrevistar aos participantes no proxecto.
Poucos minutos antes das once da mañá, os nervios comezaban a invadir os nosos corpos xa que o momento máis esperado estaba a punto de chegar. Estaba todo preparado para o lanzamento cando de súpeto un avión sobrevoou o instituto. «E agora que?», preguntabámonos. A solución, entre o abraio de moitos de nós, foi chamar á torre de control do aeroporto de Santiago, que deron finalmente o visto bo. Logo dunha conta atrás de poucos segundos, vimos como a MarumaSat se afastaba ao mesmo tempo que se ía facendo máis pequena.
A picada dunha roda xusto cando estabamos a punto de arrancar, atrasou a saída dos membros do equipo encargados de recuperar a sonda nas coordenadas da aterraxe que nos proporcionou MeteoGalicia.
Fotografía obtenida de La Opinión A Coruña.